24/4/10

Visita Oleiros de Buño

O pasado 13 de abril visitáronnos Pepe e Luís, dous oleiros de Buño. Todolos alumnos do cole tiveron a oportunidade de ser por un día "OLEIROS".
A olería no Buño de mar arxiloso é recurso, oficio tradicional, pouso artístico e sensibilidade espallada polos rueiros desta vila da Costa da Morte. Obradoiros de feituras que falan coas mans, que verquen autenticidade no forno quente, que moldean a nobreza do barro dende hai séculos.
Oleiros de oficio centenario, homes e mulleres artellando no pouso humilde dos obradoiros repartidos polos rueiros.
Xirar harmonioso do torno acincado, crear arte co mimo das xemas dos dedos. Auga, barro e lume testemuñan o diario laborar destes artesáns que aquí, no noso cole, amosaron parte da súa fértil creatividade.
Mans cicelando no tempo a nobreza do barro, vizosa mostra dunha colección do humano intuír e que mesmo bebeu da cultura romana.
Formas tradicionais creadas polo mestre artesán para dar fartura ás necesidades cotiás e a outras de máis recente razón. Versatilidade de uso e decoración a base da liña indecisa ou oblícua arada finamente coa cana do xunco húmido.
Cintas e listas en relevo de cores cálidas, acanaladas, brunidas e pintadas pola man firme que empuña a pluma ou o hisopo.

Cada peza de barro de Buño é coma cristal, fermosa pero delicada. Espero que disfrutedes destes videos...




No hay comentarios:

Publicar un comentario